3/23/2010

Biografía da avoa

María López López naceu na aldea de Marzán, en Chave, no concello do Saviñao (Lugo) o 11 de decembro de 1916, filla de Aquilino López González e de Francisca López Vázquez. É a terceira de cinco irmáns: Estrella, Visitación, María, Daniel e Anuncia. Os seus avós eran Pedro López e Andrea González. De moi nova comezou por aprender cancións e coplas que os seus pais sabían.
Aos doce anos de idade ficou orfa de pai, cando este contaba con cincuenta e cinco anos aproximadamente. Principiou a traballar nos labores do campo e tivo que deixar a ilusión da súa vida: ser costureira. Non casou até os vintecatro anos con Xosé Ramón López López, de Vilaesteva, nado o 21 de febreiro de 1913. Ao pouco de casar e vivindo xa nesta última freguesía tiveron as súas dúas únicas fillas: Josefina (1943) e María Lourdes (1946). Cando elas marcharon para Francia a traballar os seus proxenitores seguiron os seus pasos e deixaron a terra galega pola cidade de París: contaba ela con cincuenta anos e o seu esposo con cincuenta e catro.
Logo de moitos sacrificios naceu alí o seu primeiro neto, fillo de Josefina, chamado Tar López López. Cando a súa segunda filla volveu para España, xa casada, tivo tres netos máis: Moisés, Javier e Isabel. Por último nacería en Francia o seu último neto: Francisco, outro descendente de Josefina. En 2002 morreu o seu esposo, en 2003 un xenro, home de Josefina, e por último outra das súas irmás: Visitación (Estrella xa morrera antes nun accidente) ficando tres irmáns aínda vivos.

Sem comentários:

Enviar um comentário